="http://www.w3.org/2000/svg" viewBox="0 0 512 512">

Indicacións

Esta é unha obra maxinada por un pintor e non por un literato. Por eso necesita indispensablemente unha serie de deseños cooreados, que dín tanto ou máis que as verbas escritas. O autor sería capaz de ver a súa obra revisada por un literato, si é que non tivese ocasión el mesmo de asistir aos ensaios; pero non consintiría ningunha alteración na fisonomía dos persoaxes e no coorido das esceas, a menos de que o convencimento lle entrase polos ollos antes do estreno.

Aparte do pano de boca debe utilizarse un telón, que será completamente negro: dúas cortinas, que abren e cerran, e unha bambalina, que rube e baixa para empequenecer ou agrandar o cadro das esceas, modificando as súas dimensións, según o número dos persoaxes que actúan e o ambente da aición. Asi, por exemplo, a escea verde —dez mulleres— que aparece unha vez en cada lance, debe ser moi ancha e a escea final do segundo lance, —a dos espantallos— debe ser moi outa. O cadro da escea derradeira —a do telón con figuras pintadas— ocupará toda a luz do esceario, até desaparecer do teito o marco negro con que limitamos as demáis esceas da obra.

O Prólogo da farsa será por outa-voz colocado na carátula que porta unha gran moneca de cartón. Esta figura aparecerá dispóis de erguerse o pano de boca e diante das cortinas negras, cerradas.

Compre dar algunhas ideas aclaratorias de cómo deben ser as caretas e a vestimenta dos persoaxes. A figura da Morte —que aparece como mendicante no primeiro lance e como vello no terceiro— non necesita dúas caretas sobrepostas, pois a caveira pode figurarse doadamente pintando a propia cara do actor. As dez mulleres que aparecen na escea do fondo verde —unha vez en cada lance— son sempre as mesmas e as tres veces vestidas do mesmo xeito; pero con diferente espresión das caretas, según o lance: ledas no primeiro, de risa e gargalladas no segundo, e de asombro e arrepio no terceiro. Os retratos dos pais de Don Ramón, que aparecen na escea primeira do segundo lance, así como as figuras pintadas no gran telón da escea final, deben ter o sitio das caras recortado, para que asome por el a face verdadeira dos actores, comenentemente caracterizados. (Nos bordes dos ocos inxertaranse as caras por meio de fitas elásticas, igoal que as caretas). Os telóns pintados para estos efectos serán de lenzo ou de hule. O boticario morto trocará de careta, póndose unha de igoal feitura á de denantes, pero en coor marelo. Pimpinela trocará de careta póndose outra de espresión chorosa. As caretas das máscaras —segundo lance— serán grandes e grosas, como feitas de madeira.

Compre espricar aínda outras iñormas e artifícios. A luciña que debe figurar a ialma de Don Ramón —fin do lance segundo— será un tubo luminoso de onión, en forma de espiral, de coor verde e suxeto por un fío electrico que sirve para turrar pola luz fora da escea. (O sapo será o encarregado de levala consigo cando se achegue a Don Ramón e de alcendela no intre preciso, facendo que pareza sair da boca do fidalgo morto). Os espantallos teran proporcións xigantescas; no comezo da escea os portadores estaran sentados a plan i apostados detrás dun valado ou arró, que oculte a parte baixa dos espantallos e cunha fita de papel que caería por diante deste valado ou arró para imitar o pau que o sostén. Cando a muiñeira soe ergueranse os espantallos, virán bailando, un após do outro, cara diante, para puntear a muiñeira arredor do corpo de Don Ramon. Convén que a muiñeira sexa acompañada por timbales e que, en algúns treitos, non quedé máis que un bruido rítmico. O moneco que figura o señor Fuco morto —na quinta escea do terceiro lance— pode estar xa no leito ao erguerse o pano, pero coa cabeza debaixo dos cabezales para que ninguén o note, e 0 actor que representa o doble do señor Fuco morto non ten máis que amañar o cadro aproveitando a escuridade. Os fondos das esceas derradeiras do primeiro e terceiro lance, que requiren a colocación dunha escada outa e firme, a onde deben subirse varias persoas, deben estar xa preparadas e firmes dende o comezo dos lances respectivos, pois non rouban espacio para armar os demais cadros, dada a sinxeleza do decorado.

License

Indicacións Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *