="http://www.w3.org/2000/svg" viewBox="0 0 512 512">

Escea I

Micaela - Os vellos non deben de namorarse

No fondo hai unha parede. No centro da parede hai unha porta. Aos lados da porta hai dous retratos: o da dereita representa unha fidalga e o da esquerda un fidalgo. Son os pais de Don Ramonciño. As caras dos retratos son de verdade, e falarán cando lles toque a vez. Asoman pola porla os pés de Don Ramón, deitado. Dispois entrará un rapaz. Hai un intre de silencio e de inmovilidade ao erguerse o telón.

DON RAMÓN

Sentándose con moito traballo

Vaites, vaites, Ramonciño, o que é esta noite apañáchela boa!

Erguéndose, a rosmar, coma se lle doesen as rens.

¡A condenada rapaza, que me dá sede, e o viño, que me vence, acabarán por queimarme o fígado!

Comeza a pasear, bambeándose, e os ollos dos retratos sígueno, asañados.

O bico de onte custoume unha leira; pero ou pouco hei poder ou a rapaza será miña! Aínda que me custe todo canto herdéi dos meus pais.

A NAI

¡Borracho!

DON RAMÓN

Sorprendido

¿Eh? ¿Qué? ¿Qué falas tí, lorito real?

A NAI

¡Perdulario! ¡Esponxa! ¡ Bulrarte de quen che dou o ser!

DON RAMÓN

¿Deberche o ser? ¡Pois entón, déboche a sede que teño!

A NAI

¡Respétame, descastado, que son a túa nai!

DON RAMÓN

Pois non o pareces, porque eu son máis vello que tí. De modo que a calar, ¿eh? ¡E moito coidadiño conmigo!

A NAI

¡Malcriado!

DON RAMÓN

¿E quén che mandóu que me criases tí? Cartos tiñas dabondo para pagares unha ama de cria.

O PAI

¡Non pareces meu fillo!

DON RAMÓN

¿Tamén tí? Pois craro está que non parezo teu fillo, porque máis ben parezo teu pai.

A NAI

¡Dar unha leira por un bico…! ¡Baboso!

O PAI

¡Destragares o que che deixamos en herdo…! ¡E con esas porcas parafuseiras…!

DON RAMÓN

¡Quén chas dera!

O PAI

Eu sempre respetéi o meu señorío. Sempre cumprín a manda dos meus pais fidalgos. ¡Sempre!

DON RAMÓN

¡Mintireiro! ¿Xuras que non perdeches a cabeza por ningunha moza?

O PAI

¡Nunca!

DON RAMÓN

Eso dilo porque estás diante da túa dona, que é moi remilgosa.

A NAI

Sospira

Teu pai era un poeta.

DON RAMÓN

¿Poeta? Ja, ja, ja, ¿Poeta porque che facía versos de caramelo?

O PAI

Poeta, sí, e non un borracho.

DON RAMÓN

Pois tes de saber que houbo borrachos que fixeron versos mellores que os teus.

O PAI

¡Descastado! ¡Non pareces meu fillo!

DON RAMÓN

Mira tí, bailarín: xa vai de dúas veces que dís a mesma cousa i estás ofendendo a miña nai…

Dirixíndose á nai

¿Tí non escoitas o que dí o teu poeta?

Está decindo que eu non parezo fillo del.

O PAI

¡Canalla!

A NAI

Arrieiro. Nen pareces fillo del nen fillo meu.

DON RAMÓN

Pois se non son fillo voso deixádeme en paz. E moito coidadiño, ¿eh?, porque senón mándovos ao faiado.

Axexa pola porta un rapaz que trai un paraguas debaixo do brazo e a gorra encachada até as orellas.

O RAPAZ

Bos días, Don Ramonciño.

DON RAMÓN

Xa che teño dito que cando te presentes diante de min debes quitar a gorra. ¿Entendiches?

O RAPAZ

Engruñando os hombreiros

Ben está, si señor, pero… como está rompida…!

DON RAMÓN

¿E a qué ves?

O RAPAZ

Veño de parte da Micaela…

Esquecendo o recado

¡Qué boa moza!

DON RAMÓN

Menos leria, cativo, e acaba de dar o recado.

O RAPAZ

Pois díxome a Micaela que como hoxe é domingo de antroido e a xente anda con contos e marmuracións, que hoxe non apareza pola casa.

DON RAMÓN

Boeno. Xa está. Agora, lisca, lisca lixeiro.

Cólleo é vaino botando fora

O RAPAZ

Volvéndose, ao saír pola porta

¡Qué sorte ten, Don Ramonciño!

A NAI

¡Qué noxo!

O PAI

¡Qué vergonza!

DON RAMÓN

Chamando dende a porta

¡Maripepa! ¡Maripepa-a-a!

UNHA VOZ LONXANA

¡Señor!

DON RAMÓN

¡Anda traime deseguida un xerro de viño tinto!

Os pais cerran os ollos e Don Ramón paséase pola escea

Cai o pano para mudar o cadro

License

Escea I Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *