="http://www.w3.org/2000/svg" viewBox="0 0 512 512">

Escea I

Pimpinela - Os vellos non deben de namorarse

Fondo negro e chan negro. Aparece Pimpinela sentada, coa nai á súa dereita e o pai á súa esquerda.

A NAI

¡Anda, Pimpinela! Anda miña variña de abelao.

PIMPINELA

¡Non!

A NAI

¿Non reparas na que che espera se te casas con ese cuspe? Vivires nunha terroeira como ésta, andares coma min. Chegares do traballo feita un esterco, sen roupa que mudar, sen frescuriña para botares no xergón de casulo…

O pai tuse para impór respeto

PIMPINELA

¡Non!

A NAI

¡Ai, meu caravel de cera! ¡Ai, cómo te deixaches rular por un pito cairo! Ai de tí, se non te coutas! Andarás sempre co corazón enloitado, sen pan no forno, sen lume na lareira, sen estrume na corte. Mirrada de frío e chuchada de fame.

O PAI

¡Faille caso a túa nai, Pimpinela!

PIMPINELA

¡Non!

A NAI

Esvaeranse as coores que che pintóu Noso Señor a man tenta. Deixarás de ser mazán e cereixa. Trocaraste nun figo merado. Coberta de remendos, torrada pola raxeira, a fuxires dos espellos para non verte. En troques…

O PAI

En troques, se lle pós cara ao Señor Fuco…

PIMPINELA

¡¡Non!!

A NAI

¡Tí qué dís, toliña! ¿Quén te cegóu para non veres a regalía do mundo? ¿Quén che botóu terra nos ollos? ¡Desperta!

PIMPINELA

¡Non!

O PAI

¿Qués ser un baldreu coma moitas?

A NAI

¡Quérenche poñer brincos de ouro e tí qués piollos de miseria! ¡ Quérenche dar onzas recortadas e tí prefires lixos do ar! ¡Ai, miña flor da gala, abre os ollos! ¡Xa quixeran as fillas dos máis principales!

O PAI

¡Xa quixeran elas!

PIMPINELA

¡Non!

A NAI

Terías unha casa de vinte fiestras e unha solaina; terías criadas e criados ao teu servicio; terías fartura de pan, de viño e de todo canto pode dar a terra.

O PAI

Dúas xuntas de bois e sete vacas.

A NAI

Arderían carballos enteiros para que a túa parrumeira botase fume e o señor Fuco cegaría coa túa fermosura.

O PAI

E todos sairíamos desta probeza.

A NAI

Arcas acuguladas de lenzo, almarios cheos de roupa, e tí a rir sempre coma se foses unha fidalga. ¡Anda meu luceiro!

O PAI

¡E qué diaño! O señor Fuco é un vello e cando lle chegue a súa hora, xa verás tí como chaman na túa porta os mellores mozos da parroquia.

A NAI

O señor Fuco é un home de ben e anda ceguiño por tí. ¡E valo despreciar, meu corazón!

O pai volve a tusir para impór respeto

A NAI

¿Serás quén de desbotares o consello dos teus pais? ¡Unha filla tan boa coma tí…! ¡Deixa ese mozo, Pimpinela!

PIMPINELA

¡Non!

O PAI

¡Xa o creio que o pensarás!

A NAI

Compara, miña filla, e cavila no que che espera con un e con outro. Dunha banda, o rir, e da outra, o chorar.

O PAI

O día e a noite. O pan e a fame. ¡Escolle!

Vaise a nai por un lado e o pai polo outro. Pimpinela fica sentada.

License

Escea I Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *