="http://www.w3.org/2000/svg" viewBox="0 0 512 512">

Escea I

Lela - os vellos non deben de namorarse

A escea desenrólase na botica. Cando se ergue o pano aparece Lela debruzada no mostrador, apreixando unha botelliña na man, e o boticario —tamén debruzado— a falar con Lela. Trátase de representar un palique amoroso.

LELA

Eu non sei que me dá este home… porque xa fai moito tempo que debía estar na casa.

O BOTICARIO

Pois calisquera día douche un feitizo de namorar e vólvote toliña. ¡Como me chamo Saturio que o fago!

LELA

¡Eso sería unha traiduría…

O BOTICARIO

¡Así Deus me salve como che reviro o sentido cun bebedizo!

LELA

¡Con non tomar xaropes desta botica…!

O BOTICARIO

Tamén che podo dar polvos seguidores, ou píldoras de malicia, que son máis ardentes.

LELA

¡Vaites, vaites con Don Saturio, que quer chegar polo atallo…! ¿I entón, vostede xa non atopa maneira de namorar polas boas…?

O BOTICARIO

Os peixes e as mulleres cóllense con artimañas… ¡E como eu xa vou indo algo vello…!

LELA

Un vello raposo e con moita esperencia; pero a min non me colle, non. Se fose un boticario legal e honrado… veríamos…

O BOTICARIO

Pois… queréndome polas boas xa non che fago a traiduría. ¡Tí escolle!

LELA

Tanto como querer aínda non o dixen eu; pero, quén sabe…! Despreciéi moitos mozos —¡ai eso sí!— porque os amoríos gastan o corazón e chuchan o siso. A min gostaríame un home… un home…

O BOTICARIO

Un home feito e direito, con cabeza ben asisada.

LELA

Para casar non me levaría ningún tulitates.

O BOTICARIO

Entón eu son o tal.

LELA

Non digo tanto; pero hainos peores. Vostede… vostede… é un home de moito mérito… Con moita calva —esa é a verdade—.

O BOTICARIO

Pasando a man pola cabeza

Non fagas caso. Todo esto é testa.

LELA

¡Ai, mire para ahí! ¡Pois ten razón…! ¡Non reparara ben…!

O BOTICARIO

Cando tiña moito pelo non che tiña tanta cabeza.

LELA

Pois entón compre que o meditemos, porque para casar… pa-ra ca-sar, gostaríame un home con cabeza.

O BOTICARIO

De cabeza e de corazón . I eu téñoche un corazón que non me cabe no peito.

LELA

Como falando para si

Este condenado de Don Saturio estame engaiolando, e se non me defendo…

O BOTICARIO

Se non te defendes, ¿qué? Se non te defendes métote nesta casa para mandares en min, e conto acabado.

LELA

Ai, sí. ¿E as súas irmáns? ¡Quén as ouviría!

O BOTICARIO

As miñas irmáns son catro santiñas .

LELA

Sí, sí, pero son catro.

O BOTICARIO

Serían coma catro nais.

LELA

Dispóndose a irse

Ou coma catro sogras.

O BOTICARIO

Agarda un bocadiño, a ver se nos entendemos hoxe.

LELA

Non podo, que xa é hora de darlle o xarope a meu pai. Voume, voume.

O BOTICARIO

¡Agarda un bocadiño…!

LELA

Non podo Sa-tu-rioo… Xa ve que lle retiréi o Don, e iso algo proba . Falaremos outro día, sí?

O BOTICARIO

¿Cándo?

LELA

Cando veña por máis xarope para o meu pai.

O BOTICARIO

¡Ai, que tarde!

LELA

Canto máis tarde máis ilusión. ¡Abur, Saturio!

O BOTICARIO

Abur entón, Leliña .

Vaise Lela e o boticario esfrégase as mans de contentamento.

License

Escea I Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *