Escea II

Fondo verde e chan verde. Aparecen dez mulleres sentadas nun arró e todas elas escachando en gargalladas. Dúas máscaras (un demo e unha porca) fan a ledicia das mulleres. Dispóis entra Don Ramón.

O DEMO

Mallando na porca

¡Empanada de esterco! ¡Galdrapa esgallada!

A PORCA

¡Ai, ai! ¡Que me matan!

O DEMO

Filla do maroutallo . ¡Zuncurrundullo! ¡Voute amasar a paus!

A PORCA

¡Acodide veciños, que me mata iste home!

O DEMO

¡Vouche retorcer a língoa como un tarabelo! Para que respetes a estas mulleres.

A PORCA

Parando as pandulladas do demo e ollando a distancia.

¡Acouga meu doe-doe! ¿Non reparas en quén ven por alí? Velahí ven Don Ramonciño, o amo do pazo, e compre respetalo.

Entra Don Ramón, bambeándose. As mulleres rín e as máscaras recibeno con cortesías.

O DEMO

Boas tardes meu amo.

A PORCA

Boas tardes, Don Ramonciño.

O DEMO

E logo, Don Ramón. ¿A ónde vai o meu almirante a estas horas e con tanta tormenta?

DON RAMÓN

Vou a onde me peta.

A PORCA

Dirixíndose ao demo

Déixao ir, home, que vai ben acompañado… Vai ver á miña comadre, ¿sabes tí? Vai ver á filla do antroido, a marquesa das filloas.

As mulleres rín a cachón

DON RAMÓN

Hai que ter crianza ¿eh? Que non todos somos uns.

O DEMO

Dirixíndose á porca

¿Ves tí, porca das ánimas? ¿Quén che mandóu descobrires a Don Ramonciño? El vai a onde lle peta, que por algo nascéu fidalgo e ten señorío.

A PORCA

Fixen mal en decir que vai ao sarao da marquesa.

As mulleres rínse moito

DON RAMÓN

Falade con tento e non lle roubedes o creto a ningunha muller de ben.

As mulleres ceiban risadas e toses finxidas

O DEMO

¿Ves tí? Xa se enoxóu o meu amo, e con moita razón. ¿Coidas que Don Ramonciño é parvo ou qué? El sabe ben por ónde vai e a ónde vai…

A PORCA

¡A cas da miña comadre está lonxe e teño medo que Don Ramonciño dea un traspés e cisque o diñeiro na lama!

O DEMO

¡Non teñas medo; Don Ramonciño vai ben alumeado, e hoxe leva unha chispa…!

As mulleres ceiban novas gargalladas

DON RAMÓN

¡Vaia unha bromas de antroido! E moito coidadiño comigo ¿eh? Porque cando me poño teso… arrímanse os cans ás paredes.

A PORCA

Sí señor sí. A este hai que baixarlle as orellas.

Dirixíndose ao demo

¡Quén che mandóu moverlle a pacencia a Don Ramonciño! ¿Non sabes tí que é o galo do mundo?

O DEMO

Don Ramonciño é un galo vello, un barbouzán, e góstanlle as galiñas novas… Don Ramón é, máis que un galo, un raposo, e cando entra nun galiñeiro… Ja, ja, ja.

DON RAMÓN

Tan raposo como calquera.

O DEMO

Tamén a min me gostan as galiñas novas…

A PORCA

¿Tamén a tí che gostan as pitas? ¡Mal home! ¡Lobo carniceiro! ¡¡Adúltero!!

O DEMO

¡Vas levar un couce, abofé!

O demo e maila porca, agárranse a Don Ramón, e dan dúas voltas con el, como perseguíndose, e Don Ramón fica mareado.

DON RAMON

Sen folgos pra falar

¿Quén pensades que son eu? ¿Un monifate? Eu son Don Ramón o amo do pazo, e vos sodes uns calquera.

A PORCA

Sí, señor, sí.

O DEMO

Ten moita razón o meu amo.

DON RAMÓN

Aínda hai castes, ¿eh? E quen vos paréu que vos lamba.

O DEMO

Perdoe, Don Ramonciño. E agora ande, señor, que pode chegar tarde ao sarao. Pero teña coidado que non lle fagan unha trampallada. Mire ben ónde pon os pes, que ao mellor…

A PORCA

¿Ao mellor qué? A miña comadre non é ningunha trampalleira. Ela é unha muller de ben. ¡Moi honrada por certo! E senón que llo pergunten ao portugués…

As mulleres reloucan de risa

DON RAMÓN

Abonda de leria. ¡Abonda! ¡E voume, porque senón…!

O DEMO

Divírtase ben, meu amo. E déalle moitas memorias á marquesa das filloas.

A PORCA

As memorias non enchen. ¡Déalle cartiños, cartiños…! ¿si?, ¡meu caravel de ouro! Dálle leiras e piñeirales…

DON RAMÓN

Zafándose das máscaras

¡Qué xente! ¡Qué xente!

Cai o pano para mudar o cadro

 

License

Escea II Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *