Escea II

Entra o mozo pola esquerda

O MOZO

¿E logo, Pimpinela?

Pimpinela, non responde

O MOZO

¿Sei que che cortaron a língoa?

PIMPINELA

¡Non!

O MOZO

¿Por qué non me falas coma decote?

Pimpinela engruña os hombreiros

O MOZO

Andas na boca do mundo. ¿Será certo que che queren facer o casamento co señor Fuco?

Pimpinela dí que sí coa cabeza

O MOZO

Pero tí non podes cangar cun vellouqueiro, porque tes a ialma espiñada por un mozo. Tamén o mozo anda toliño, a contar estrelas polo teu amor.

Pausa

Tráioche un pano con dous corazóns atravesados, que son os nosos… É moi bonito.

Pimpinela colle o pano sen miralo e gárdao no seo (é un pano do nariz).

O MOZO

¿Lémbraste cando me deches o sí? Foi o día de San Xohán. Arrecendías a malvas e a rosa, e a mazás do Paraíso.

PIMPINELA

Arrecendería…

O MOZO

Tí tremías i eu tremía. E dende entón xa non houbo máis mozas pra mín, nin máis mozos pra tí.

Pimpinela cala. Hai un silencio

O MOZO

¡Dime que me qués, Pimpinela!

Pimpinela non responde

O MOZO

¿Non mo qués decir?

PIMPINELA

¡Non!

O MOZO

¿Pero, quésme? ¿Non sí?

Pimpinela ergue os ombreiros en sinal de dúvida

O MOZO

¡Se fose rico habíasme querer máis!

PIMPINELA

Non tiña por qué quererche menos.

O MOZO

Enfurruñado

Eu teño a probeza dun mozo que pode chegar a rico e o señor Fuco é un vello con vermes no diñeiro. ¡Despréciasme por probe, por ser igoal a tí! ¡Está ben! Pois…

Se por probe me desprecias
eu non me asaño por eso.
Na feira todo se vende,
cada cosa no seu precio.

PIMPINELA

Fala con tento.

O MOZO

¿Entón non é certo que te queren vender ao señor Fuco? ¿Non é certo que te queren casar con el?

PIMPINELA

Casar non é pecado.

O MOZO

¿E a palabra que me deches?

PIMPINELA

As verbas de amor non son sacramentos.

O MOZO

Pois… que ben che presten os cartos do señor Fuco. ¡ Acabóuse todo antre nós…! ¡Voume…! Mulleres coma tí hainas a moreas.

O mozo vaise por onde entróu; pero antes de sair virase para darlle á moza unha derradeira despedida.

O MOZO

Dalle memorias ao señor Fuco, e cando te cases con el ráñalle o lombo cun carozo…

Pimpinela fica sentada. Saca do seo o pano que lle acaba de dar o mozo, óllao ben e volve a gardalo.

 

License

Escea II Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *