Escea II

O boticario e, dispóis, máis boticarios

O BOTICARIO

A cavilar

Esta rapaza non é unha tola, non. E seméllame que lle acomodo… Ela quer casar con home maduro e deitarse en sabáns de bo liño. ¡Ten talento! ¿E tí, Saturio, casaríaste con Lela? Casar… casar, casaría se as miñas irmáns desen consentimento… ¡Ela ten un celme no falar! ¡E qué corpo! ¡Qué corpo! Sería capaz de deixar ás miñas irmáns por seguila ao mesmo inferno.

O boticario vai por unha guitarra e séntase nunha silla, ao pé do mostrador. Ponse a templar o instrumento e a facer «posturas».

O BOTICARIO

Xa perdín os dedos; pero aquelas cousas que tocabamos en Sant-Iago non as esquezo, non. Lémbrome dunha vez… Eu coa guitarra e os meus compañeiros de pousada a cantar. ¡Qué serenatas demos!

O boticario asubía unha cántiga de estudantes, acompañándose coa guitarra. Neste intre xurden detrás do mostrador, un a un, varios perxoaxes idénticos a el. Trátase de revivir aquela serenata que o vello estudante relembra. O boticario multiplícase para formar un coro que rompe a cantar a vella cántiga.

CORO DE BOTICARIOS

Están as nubes chorando
por un amor que morréu
están as rúas molladas
de tanto como chovéu.

Lela, Lela,
Leliña por quen eu morro
quero mirarme
nas meniñas dos teus ollos.

Non me deixes
e ten compasión de min.
Sen tí non podo,
sen tí non podo vivir.

Dame alento cas túas palabras,
dame celme do teu corazón,
dame lume cas túas miradas
dame vida co teu doce amor.

Lela, Lela,
Leliña por quen eu morro
quero mirarme
nas meniñas dos teus ollos.

Non me deixes
e ten compasión de mín.
Sen tí non podo,
sen tí non podo vivir.

Os boticarios desaparecerán agachándose detrás do mostrador, tal como apareceeron.

O boticario sai da escea coa guitarra derrastro.

License

Escea II Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *