="http://www.w3.org/2000/svg" viewBox="0 0 512 512">

Escea III

Un apartamento cunha fiestra lateral. En primeiro termo unha cortina. Falan Micaela e o portugués. Dispóis aparece Don Ramón.

MICAELA

Don Ramón anda toliño por min, e pouco a pouco irá caendo todo canto ten nas miñas mans.

O PORTUGUÉS

E nas miñas. Non esquezas o trato.

MICAELA

O noso trato é casar dispóis.

Escoitando

Parece que abriron a cancela… ¿Será Don Ramón?

O PORTUGUÉS

Será o rapaz.

MICAELA

Déixame axexar pola fiestra.

Vai mirar e vólvese alarmada

Ai, ¡nunca Deus me dera! Anda, condenado; agáchate detrás da cortina que velahí ven Don Ramón.

O PORTUGUÉS

Poñéndose diante da cortina

A ver si acabas dunha vez e o chimpas fora deseguida.

MICAELA

Mira que o vello pode facer a nosa felicidade. Déixame a min e ten pacencia, corazón.

Micaela séntase á veira da fiestra e axiña asoma por alí a figura de Don Ramón.

DON RAMÓN

¿Podo entrar, Micaeliña?

MICAELA

Vostede tolea, Don Ramonciño. ¡Xa ando na boca das xentes pola súa culpa e aínda me quer perder máis! ¿Non lle mandéi decir que non viñese hoxe?

DON RAMÓN

Non podo deixar de verte.

MICAELA

Pois o que é hoxe ben se podía quedar no pazo e non vir a comprometerme, que unha é moza solteira e a conducta logo se perde.

DON RAMÓN

Se a perdes por min estóu disposto a pagala. ¿Qués todo canto teño por ela? Non che podo ofrecer máis.

MICAELA

Aínda que son probe non me vendo por canto hai no mundo.

DON RAMÓN

¡Quén sabe! Por moito menos, e si cadra por nada, pode levarte calisquera gandulo.

MICAELA

A min no me importan os homes. ¡Que os leve a todos xuntos o demo! ¡Que os coma un carrizo!

DON RAMÓN

¿Tamén qués que me leve a min o demo? Pois non pases coidados, Micaela, que non tardará en levarme se sigues despreciándome.

MICAELA

Eu non o desprecio, Don Ramonciño, porque vostede non é coma os demáis. ¡Boa proba lle dín onte! ¡boa proba lle dín!

DON RAMÓN

Total un bico.

MICAELA

Pois por algo se empeza, que xa estóu ben arrepentida do que fixen. ¡Ai, eso sí!

DON RAMÓN

Pois hoxe veño por outro.

MICAELA

¿De día? ¡Ai, qué vergonza!

Tapándose a cara, e logo, descobríndoa

¿Vostede pensa que eu son unha calquera, Don Ramonciño?

DON RAMÓN

Se me das outro bico regáloche outra leira.

MICAELA

Nunca lle dín un bico a ningún home. ¡Abofé que vostede levóu o primeiro…!, pero eu teño medo, ¿sabe? Teño medo de perder o sentido e que dispóis vostede… que é un raposo… porque unha tamén é de carne e ten corazón, ¿sabe?

DON RAMÓN

¿E qué? Tí non perderías nada conmigo.

MICAELA

Agora non llo dou. Agora non. Teño moita vergonza.

DON RAMÓN

¿E logo…? ¿Cándo…? ¿Cándo mo vas dar?

MICAELA

Esta noite, á saída do baile.

DON RAMÓN

¿Pero tí vas ir ao baile? ¡E bailarás co portugués!

MICAELA

Non lle dea pena, que o portugués é un mozo como outro calquera e os homes a mín… Boeno, non madura esta pera para ningún melro. Son divertida, pero teño cabeza.

DON RAMÓN

¿E ónde te vexo esta noite? ¿Déixasme entrar na casa?

MICAELA

Non corra tanto, Don Ramonciño. Vostede agarda por min ao pe da cancela, cando remate o baile.

DON RAMÓN

¡Cánto che quero, Micaeliña!

MICAELA

E non se esqueza do ofrecido, porque unha é probe de todo e non quixera andar a pedir cando chegue a vellez.

DON RAMÓN

¡Quén sabe se todo canto teño será para tí!

MICAELA

Agora váiase, sí, Don Ramonciño, que hoxe é domingo de antroido e pode velo a xente e dispóis todas son faladurías.

DON RAMÓN

Sí, muller, sí, a xente deiquí é moi ruín. Xa me vou, e deica a noite, Micaeliña.

MICAELA

Vaia con coidadiño e xa sabe no que quedamos.

DON RAMÓN

Adéus logo.

MICAELA

Adéus, ¿sí?

Vaise Don Ramón, e Micaela queda un bocadiño na fiestra. O portugués sae da cortina.

MICAELA

Volvéndose cara o seu amante

Non te queixarás de min.

O PORTUGUÉS

O que é a ese vello pódeslle arramplar con todo canto ten, e dispóis nós… Ja, ja, ja. ¡Non traballas mal, non, abofé!

MICAELA

Todo esto fágoo por tí, ¡ladrón!

O PORTUGUÉS

Cada bico unha leira… ¡Non está mal! Pois o qué é polos que me deches a min pódeslle pedir o pazo.

MICAELA

Abrazándoo

¡Meu lacazán!

O PORTUGUÉS

Abrazado a Micaela

¡Meu repoliño!

Cantando

O celme que andas buscando,
ai, está no meu corazón.
Eu son como os chuchameles,
ai, ti es o meu abellón.

O vira i o vira
vamos a bailar
o vira i o vira
que vamos casar.

O pano cai a modo, para mudar o cadro

 

License

Escea III Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *