Escea III

Entra o vello pola direita. O vello trai un embrullo debaixo do brazo.

O VELLO

Boas noites, Pimpinela.

PIMPINELA

Boas noites, señor Fuco.

O VELLO

Veño da vila, ¿sabes?, e lembreime de tí. Tráioche un regaliño do teu paladar. Cativeces en comparanza co que che daría se quixeses.

PIMPINELA

Moitas gracias, señor Fuco; pero eu non me vendo.

O VELLO

Ai, rapaza: eu son moi probe para mercar a túa bonitura, porque non hai diñeiro dabondo no mundo para pagar o que tí vales. Eu tráioche cativeces, o que sei que che gosta; pero sen ánimo de magoarte. Como se fose o teu padriño…

PIMPINELA

Se non é con intención…

O VELLO

A intención de verte bonita, de que sexas a fror das romerías. Xa verás o que che traio…

Abre o paquete e saca un pano

¿Góstache, Pimpinela?

Saca outro

Este tamén che cai ben.

Saca outro

¡Pois o que é éste!

Saca outro

Outro máis para que teñas en qué escoller.

Saca un corte de seda

Tamén quero que fagas unha chambra e como non sei o teu gosto…

Vai sacando cortes de seda en diferentes coores

Veleiquí tes en qué escoller… para que te luzas o día da festa. Para que sexas a moza mellor vestida da parroquia. Son cativeces…

PIMPINELA

É de máis señor Fuco.

O VELLO

Pois se quixeras encher de ledicia os poucos dias que me quedan e te aviñeras a cerrarme os ollos, na hora do meu pasamento, todo canto teño sería para tí.

PIMPINELA

Aínda son nova para casar.

O VELLO

I eu son vello de máis; pero estóu namorado e teño azos para facerte feliz, a tí e máis aos teus pais.

PIMPINELA

¿E se son desgraciada?

O VELLO

Se tes a ialma limpa e o corazón ceibe non probarás desventuras na miña casa. Eso non. Alí serás servida e folgada, en todo canto apetezas. E dispóis… Cando eu morra inda che quedarán anos dabondo para disfroitares do que che deixe, que non é un conto. ¡Son tan vello e tan rico!

PIMPINELA

¿E o que digan de mín as xentes?

O VELLO

Envexas, miña rula. Envexas de verte gardada do sol e do sieiro e da choiva. Envexas de verte libre de traballos.

PIMPINELA

Miña nai tamén quer.

O VELLO

¿E pois logo qués ser a miña dona?

Pimpinela dí que sí coa cabeza. Toda ela coberta de coores.

Cai o pano pra mudar o cadro

License

Escea III Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *