Escea III

Entra un mendicante con cara de morto. Trai unha careta na man e pona diante do público para tapar a súa caveira e transfigurarse.

A MORTE

Chamando

¡Ei, da botica!

Entra o boticario

O BOTICARIO

¡Que Deus o ampare, meu santo!

A MORTE

¿E logo, non me podería dar unha meiciña pagándolla ben?

O BOTICARIO

Polo seu precio véndolle a botica enteira.

A MORTE

¡Ai, se me podese vender a súa sabencia de boticario! Dáballe canto quixera.

O BOTICARIO

¿Tan rico é o meu home?

A MORTE

Non son tan probe como parezo.

O BOTICARIO

Pois dígame o que quer.

A MORTE

Eu veño de moi lonxe, para mercar unha meiciña… unha meiciña que me sande.

O BOTICARIO

¿E trai receta?

A MORTE

A meiciña que me pode sandar a min non se fai con receta de médico.

O BOTICARIO

¿E logo?

A MORTE

As miñas doores danse mellor no libro dos boticarios vellos.

O BOTICARIO

Eu aínda non son tan vello.

A MORTE

Vostede ten anos de abondo para saber máis que os boticarios novos.

O BOTICARIO

Home… algo sei, algo sei. E se vostede me di ónde lle doi…

A MORTE

Eu teño unha doenza eiquí. Pon a man no peito 

¡Levo chumbo derretido no corazón!

O BOTICARIO

¡Qué me dí!

A MORTE

Non se bulre de min señor, polo que lle vou contar. Eu… eu namoreime dunha rapaza máis bonita que os ouros do Perú . Ela ten ollos e… ¡cómo vai cangar cun vello!

O BOTICARIO

¡Quén sabe! ¿Non me dixo vostede que ten diñeiro?

A MORTE

Con diñeiro non se merca o que eu apetezo. Hai galáns novos no mundo, e nós, os vellos, xa non temos engado para namorar mozas.

O BOTICARIO

Hai vellos de vellos.

A MORTE

¡Non! Non señor, non. Tódolos vellos cheiramos a morto. Todos damos noxo.

O BOTICARIO

Pois eu sei dalgunha rapaza que se deixa rular por un vello.

A MORTE

Carne de feira, señor ¡Carne de feira! Tamén eu topéi con lebres corridas e vellos confiados; pero este corazón

batendo coa man no peito

pide fianza.

O BOTICARIO

¿Entón, vostede…, quer unha meiciña para trocarse en mozo?

A MORTE

Non pido tanto; pero si vostede quixera compor un feitizo de namorar… ¡Eu pagaríallo, pagaríallo!

O BOTICARIO

Eso dos feitizos sonlle andrómenas meu santo. Sonlle contos vellos. Mentiras que se inventaron no tempo das meigas…

A MORTE

Non disimule, señor. Os boticarios vellos saben de feitizos para reviraren o siso das rapazas. ¿Ou é que vostede xa non sabe lér nos libros antigos?

O BOTICARIO

¡Ai, se o que vostede pensa fose certo! Pero non, meu compañeiro. Os boticarios non facemos miragres.

A MORTE

¿Vostede qué dí? ¿E logo non é certo que os boticarios compoñen feitizos de namorar? ¿I entón xa non hai remedio para a miña doenza? ¿Nin vostede, tan sabido e tan sonado, podería sandar o meu corazón? ¡Non é de creer esta desventura! Eu non podo morrer adoecido habendo boticas.

O BOTICARIO

¡As meiciñas curan as doenzas do corpo; pero as da alma…! Esas cúranse de seu, ou non se curan.

A MORTE

Agarde… As da alma tamén se curan con boticas. ¡Nas boticas pode atoparse a derradeira meiciña para unha mágoa sen remedio! ¡Cando un coitado coma min ten a desventura de namorarse, pode sandar cunha boa meiciña! ¡Pode! ¡Un vello namorado pode acougar coa morte! Eso é: coa morte. Ande señor, teña mágoa de min e déame a derradeira meiciña, para morrer sen doores do corpo. Compóñame un solimán para durmir e non acordar máis. Ande señor, compóñame un resolio de mel, tan doce que poida deixar a vida sen sentir.

O BOTICARIO

Eso non se pode facer.

A MORTE

¿E por qué, señor?

O BOTICARIO

Eso sería un pecado e un delito.

A MORTE

Secomasí eu xa son a morte e non lle pido máis que un bó viaxe.

O BOTICARIO

As boticas son para sandar e non para matar. ¿Entendéu?

A MORTE

O que eu quero é sandar, señor.

O BOTICARIO

Non me pida o que non debo darlle, meu vello. Eu non vendo a miña concencia.

A MORTE

¡A concencia! ¡Xa se ve que vostede aínda non probóu a door de verse despreciado por unha moza! ¡Xa se ve que vostede aínda non aborrecéu a vida!

O BOTICARIO

Xa lle dixen que non.

A MORTE

Ben está, sí, señor. Voume… voume; pero non se esquenza de que os vellos que se namoran das mozas novas buscan a morte. Non o esquenza, señor boticario. E lémbrese deste vello se algunha vez aborrece a vida…

A falar consigo mesmo

¡Vaia unha concencia que teñen os boticarios!

O BOTICARIO

Non podemos ter outra.

A MORTE

Podían, podían, pero…

O BOTICARIO

Nin podemos, nin debemos, nin queremos.

A MORTE

Ben está, si, señor. Voume… Xa me vou… Pero se algún día padecera do meu mal, non faga consigo o mesmo que fixo comigo. Non o faga.

O BOTICARIO

Para sí

Este vello está tolo.

Vaise a Morte e o boticario séntase a cavilar.

License

Escea III Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *