Escea IV

O fondo é negro, cunha fiestra acesa. O chan é verdinegro, esvaéndose na negrume do fondo. Aparecen dous espantallos a carón do fondo. Entra Don Ramón dando bandazos; dispóis un sapo e, derradeiramente, os espantallos érguense e veñen cara diante.

DON RAMÓN

Con língua trabada

Eu son un vello ladroeiro… un rachador… Ja, ja, ja. Boeno, un pirata… un pirata que non se ten de pé. Estas condenadas pernas non me rexen.

Falando consigo mesmo

Ei, Ramonciño: ¡Tente! ¡Tente, pirata!

Detrás da fiestra érguense gargalladas e retesías

DON RAMÓN

¡Ai, se fose mozo…! Se fose mozo xa estaba entrando nese baile, para quencer a paus… ¡A paus con todos!, porque para desfacer bailes, o Ramonciño…

Comenza a decir cousas que non se entenden, coma si tivese papas na boca, e bambéase moito a pique de se caír.

¡Estas condenadas pernas! ¡Agar… agarda, Micaela, que xa vou! ¡Agarda miña prenda! ¡Agarda que non atino…! ¡Acouga mundo, acouga! ¡Acouga, que me mareas! ¡Xo! ¡Xooo!

Cada vez fala máis trabado de língoa e nun bambeo cáise ao chan e quer abranguer o mundo.

Mundo ponte quedo… Non deas tantas voltas condenado. Déixame erguer… Alá na cancela… Micaeliña… Xa vou…

Entra un sapo e achégase a Don Ramón

O SAPO

Non podes meu vello. Non podes.

DON RAMÓN

Revolvéndose

¿Quén? ¿Quén fala ahí?

O SAPO

Vas morrer cos zocos postos, meu vello. Acabóuseche a corda.

Don Ramón, canso de bulir, cai vencido de costas polo esforzo e fica esterricado. O sapo séntase enriba del.

O SAPO

Xa non alentas e xa tes a ialma na gorxa. Anda home, anda. Anda, ceiba dunha vez o folgo.

Ponse axexar na boca de Don Ramón

¿Qués que te axude?

Estrúchalle a caixa do peito

A ver que alma botas. Anda, home, fai un esforzo, que logo quedas en paz. Non sexas nugallán para morrer. Un esforciño e xa está. Deixa sair o que tes na gorxa. Non teñas medo, que a luciña da ialma non queima. Xa verás como é fría. Anda, que despóis do pasamento xa non sintes nin padeces. Abre a boca. ¡Así! Anda, que xa vai sair. Alenta un pouquiño e xa está. Anda, arregala os ollos. ¡Así… así… agora…!, xa está.

Da boca de Don Ramón, sae unha luceciña que fuxe polo chan.

O SAPO

¡Ai, qué luciña…!, ¡ai, qué luciña…!

Dando pulos de ledicia váise da escea, seguindo a luciña.

Neste intre comenza detrás da fiestra unha muiñeira de pandeiros, cantada por mozas e mozos. Os espantallos érguense como xigantes, adiántanse a onde está Don Ramón morto e bailan a muiñeira ao redor del.

MUIÑEIRA DE PANDEIROS

Este pandeiro que toco
ten o pelexo enrugado,
que llo saquéi a un castrón
que andaba no meu tellado.

Este pandeiro que toco
ten o pelexo gastado,
de tanto dalle que dalle,
de tanto repenicalo.

Este pandeiro que toco
ten o pelexo virado,
cando se toca con xeito
bailan os demos no adro.

Cai o pano

License

Escea IV Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *