="http://www.w3.org/2000/svg" viewBox="0 0 512 512">

Escea IV

Fondo verde e chan verde. Dez mulleres con caras de asombro. O vello, afincado nun pau, fala coas mulleres.

MULLER 1ª.

Pois desque te casaches con Pimpinela andas feito un mozo.

MULLER 2ª.

Coma se che sacaran vinte anos do lombo.

O VELLO

Pareceréi un mozo porque son feliz; pero non tardaredes en ir detrás da miña caixa.

MULLER 3ª.

Aínda estás para levares a moitos por diante.

O VELLO

A morte anda conmigo dende fai algúns días

MULLER 1ª.

Esas son figuracións.

MULLER 2ª.

O medo de deixares a Pimpinela.

O VELLO

Medo, non: tristura, ¿sabendes? Porque a miña vida cóntase por días ou cicáis por horas. Eu ben quixera ter folgos dous aniños máis; pero non tardaréi en comer terra. Avisóume a Morte, ¿sabendes? Ela mesma.

MULLER 3ª.

¡Asús!

MULLER 1ª.

Non digas eso .

O VELLO

Viña eu da vila, montado no meu cabalo, e ao pasar polo monte do Candán…

MULLER 2ª.

Ai, home

As mulleres xúntanse e tremen

O VELLO

Era de noite e na lagoa do crego espellaba o luar. De súpeto alvisquéi a un home grandísimo, que viña cara min, alancando por riba da lagoa, sen chiscar a iauga.

MULLER 3ª.

Ai, home.

O VELLO

O pantasma púxose a camiñar á miña veira. Levaba un chapeu de azas caídas. Eu… estiven para zorregarlle un pau; pero coutoume o medo. E cando íamos baixando a costa pergunteille: «¿Qué qués de min?». O pantasma siguéu camiñando sen chistar… Voltéi a decirlle: «Se és unha ialma en pena dime o que pode facer para salvarte». Tampouco me respondéu.

MULLER 1ª.

¿E non sería algún mozo da parroquia?

O VELLO

Non, muller, non… Cando chegamos cabo da eirexa olléi un corvo e máis unha pomba, e aquelo non me gostóu. Entón o pantasma miróu para min e a lúa bateulle na cara. ¡Éravos a Morte! E faloume desta maneira: «Eu son o que che vai poñer o sangue frío coma unha pedra, esa pomba é a túa vida e o corvo teu namoramento serodio. Prepárate, porque un día destes iréi buscarte!»

TODAS

Con arreguizos e persinándose

¡Asús!, ¡asús!

MULLER 2ª.

Con voz tremante

¿E non traerías algún viño de máis no corpo?

O VELLO

Estaba tan espelido coma agora; pero aínda voltéi a recibir outro avisos, ¿sabendes?

MULLER 3ª.

Non fagas caso, home… Poden ser figuracións.

O VELLO

Onte á noite, cando ía deitarme, batín cun corpo na escuridade e ao alcender un misto olleime a min mesmo, a rir, coma se me mirase nun espello. E dispóis, cando quixen pechar a fiestra, aparecéuseme unha man de difunto apegada nos vidros.

TODAS

¡Asús! ¡Asús!

Baixa o pano para mudar o cadro

License

Escea IV Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *