Escea única

PERSOAXES

SEÑOR FUCO
BOTICARIO
DON RAMÓN

No ceo da noite brila unha gran lúa chea. Os esqueletes de Don Ramón e o Boticario latrican sentados no valado do cimeterio. Entra en escea o esquelete do señor Fuco, que ven coxeando.

SEÑOR FUCO

¡Boas noites!

BOTICARIO

Con énfasis

¡Saluten pluriman!

DON RAMÓN

Con sorna

¡Liberté, Fraternité, Egalité!

SEÑOR FUCO

Deixádevos de panxoliñas, porque o que é hoxe ides facer lume cos osos en canto vos conte o que sei. Aínda que fósedes de barro, como bois de Belén, ides arder de carraxe.

BOTICARIO

E logo, Fuco, ¿qué acontece? Tí ves coxeando…

DON RAMÓN

Abofé que xa non pareces un Xan de debaixo da cama.

SEÑOR FUCO

¡Non abondaba con que o enterrador me roubase os borceguíns, que eran noviños do trinque! Ese fillo de mala besta meteume un difunto no nicho. Esmagándome, ¿sabendes? ¡Na miña vida vin home máis animal! Deixóu cair a caixa do dinfunto enriba de min e parteume un oso da perna dereita.

DON RAMÓN

¡Probe Fuco!

Ceiba unha gargallada

BOTICARIO

¿E quén é o difunto?, porque supoño que será da túa familia.

DON RAMÓN

Que aínda lle dura a risa

Será Pimpinela, que non podía vivir sen tí e ven facerche compaña…

SEÑOR FUCO

¡Pimpinela! ¡Pimpinela! ¡Sabede que se casóu con aquel rapaz que a rondaba —¡un lacazán!— e que agora os dous durmen e folgan, e fan o pescozo e o ventre gordos á miña conta. ¡Cos meus bens! E polo visto xa venderon o pinal da Bouza e os lameiros do Canabal. ¡Larcháns! ¡Destragadores! Dígovos que hoxe estóu como para facer chatolas cos dentes.

BOTICARIO

¿E quén che contóu semellantes contos? ¿Foi o difunto que che meteron no nicho?

SEÑOR FUCO

¡Foi! É a miña sogra.

DON RAMÓN

Escachando coa risa

¡Esmagouno a sogra…! ¡Parteulle unha perna…! Ja, ja, ja.

SEÑOR FUCO

A probe dí que morréu dun aire de felesía; pero debéu morrer de flato, porque cheira que fede.

DON RAMÓN

Ja, ja, ja. Vas ter cheiro para un ano e cheiro de sogra…

SEÑOR FUCO

Non te rías tanto Ramonciño, que vas chorar. A probe fala con moito traballo porque xa ten a língoa podre; pero así e todo contoume algunhas cousas e tamén trouxo novedás para vós.

DON RAMÓN

Conta, conta.

SEÑOR FUCO

Velahí vai… Escoita tí primeiro, Ramonciño, porque vas arder… e non de risa… Como a Xusticia topóu no peto da túa chaqueta un escrito, no que lle pasabas á Micaela unha finca das mellores, e todos sabían que xa lle tiñas pasado outras, agora ela dí que vivía en pecado mortal contigo.

DON RAMÓN

¡Eso non é certo!

SEÑOR FUCO

A miña sogra nunca mintéu de ningunha cousa que dixese; pero de que tí non pasaches de trocar leiras por bicos… eso sábeno as pedras. O certo é que a Micaela vivía co portugués, pero agora di que vivía contigo, e coma tí foches un papaleisón, un panarra…

DON RAMÓN

Non fagas menos de min. ¡Paifoco! E fálame co respeto debido.

SEÑOR FUCO

Agora somos todos uns.

Con sorna

¡Liberté, Fraternité, Egalité…! Pero escoita, Ramonciño, que agora ven o mellor… A Micaela ten un fillo, ¿sabes?

DON RAMÓN

¡Un fillo!

SEÑOR FUCO

E como lle nascéu a pouco de morreres tí, pois… buscóu un abogado de sona e armóu contenda sobor dos teus bens, porque xura que o fillo é teu, e non lle faltan probas de que tí andabas en amoríos con ela. ¿Tiña ou non tiña razón de que ibas arder de carraxe?

DON RAMÓN

¡Ah, galdrumeira! Se algún día ven a este cimeterio vou mallar nela como mallóu Sant-Iago nos mouros. ¡Malia o día que puxen os ollos en semellante baldreu! ¡Panarra de min! ¡Papaleisón! ¡E vanse quedar cos meus bens e co meu señorío! E como se vai rir de min o portugués.

SEÑOR FUCO

A Micaela non é parva, non. Chimpóu ao portugués fora de sí; pero todos din que voltará cando a xusticia dea sentecia. Tamén a Micaela e o portugués van folgar e criar touciño á túa conta. ¡Quén os verá tomando a raxeira do sol na solaina do pazo! ¡Cadráronche vos herdeiros, Ramonciño…!

DON RAMÓN

Abonda de bulras, Fuco, porque son capaz de tronzarche a outra perna e deixarte valdado para sempre.

SEÑOR FUCO

Cóllese a cabeza nas mans

Non te alporices, home, que moito máis te bulraches tí de min falándome de Pimpinela.

BOTICARIO

¿E para min non traes novas ningunhas?

SEÑOR FUCO

Tamén hai algo; pero máis levián. A túa Lela casóuse co carabineiro e xa teñen catro fillos.

BOTICARIO

¡Malpocados rapaces! ¡Mellor sería que fosen fillos dun boticario!

SEÑOR FUCO

As túas irmáns venderon a botica e viven coma catro pantasmas, agardando a morte e chorando por tí.

BOTICARIO

¡Coitadiñas!

Ponse a chorar

O señor Fuco séntase no valado, de par do Boticario , e dispóis dun silencio xurde unha nova leria.

BOTICARIO

Vós, polo menos, morrestes de morte natural, pero eu mateime. Fun tan parvo que non podía vivir sin Lela.

DON RAMÓN

¡Tí matácheste con solimán da túa botica; pero eu mateime con solimán da miña bodega e con viño das tabernas! ¡ Morrín como un sapo, antre dous espantallos! ¡A miña caste non pudo ter un remate máis vil!

SEÑOR FUCO

Tamén eu me matei con solimán do meu corazón. ¡Tamén eu me matei!

BOTICARIO

Non te queixes, Fuco, porque tí polo menos… morreches farto de felicidade.

DON RAMÓN

Sinalando a Fuco

Este abellón morreu afogado en mel…

SEÑOR FUCO

Ningún de vós morreu tan adoecido coma min. Tí, Saturio, adormentácheste con xaropes da túa botica, para morreres sen doores. Tí, Ramón, morreches atordoado polo viño e non te decataches do pasamento. A miña morte foi arrabeada. Morrín como un can da rabia, coma quén olla unha fonte de auga pura e non pode bebela. Eu morrín de sede.¡Morrín por namorarme de vello!

Cantan os galos e tanxen os sinos dunha eirexa lonxana.

DON RAMÓN

Ímonos deitar.

BOTICARIO

Ímonos.

Báixanse do valado e saen paseniñamente da escea, un após do outro.

SEÑOR FUCO

¡Por namorarme de vello!

BOTICARIO

¡Por namorarnos de vellos!

Cai o pano

License

Escea única Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *