="http://www.w3.org/2000/svg" viewBox="0 0 512 512">

Escea V

Ó ángulo dun dormitorio. Unha cama, e na cabeceira, unha fiestra pechada. Unha candea acesa enriba da mesa de noite. O vello está despíndose. Despóis a Morte, e no remate Pimpinela. Ao lonxe canta un Mozo:

¡Ela casóuse cun vello
non sei qué estaba pensando!
O vello, funga que funga,
toda a noite está fungando.

Dime casadiña nova
cómo che vai de casada ,
o teu home está moi vello,
non che sirve para nada.

Anque te vexo casada,
eu non che perdo o cariño,
que vas a quedar viuda
e podo casar contigo.

O VELLO

¡Roncar e fungar! Sofrir, digo eu.

O vello rosma cousas que non se entenden. Sigue despíndose e, cando se queda en camisa e vai sacar os pantalóns, sopla a candea e o teatro queda ás escuras.

Aprovéitase a escuridade para meter no leito un moneco, idéntico ao vello, e cunha careta igoal á que el leva posta: o vello agáchase.

O mozo volve a cantar dende lonxe

Dime casadiña nova,
cómo che vai de casada.
— O meu home está moi vello,
non me sirve para nada.

Ábrese a fiestra, pouco a pouco, coma se a empurrasen dende fora, e o luar vai entrando no dormitorio, caendo enriba da cama. Aluméase a escea.

Aparece o moneco, a durmir, coma se fose o señor Fuco. Na fiestra asómase a Morte, a ollar o moneco, abalando as manxadoiras. O vello, que se agachóu, pega un pulo e ponse enriba do moneco. Bótalle as mans á gorxa e forcexea para afogalo. O autor que represente ao vello imitará os estertores da morte, que proveñen do moneco.

O mozo canta por terceira vez

Anque me vexas casada,
non me perdas o cariño,
que podo quedar viuda,
e máis casarme contigo.

Cando morra o moneco desaparecerá a Morte que axexaba na fiestra. O vello adicarase entón a compor un cadro medoñento. O seu traballo acompañarase de risas estranas.

O vello desfai o leito; guinda co moneco no chan; volve a deitalo na cama, coa cabeza pendurada e unha perna erguida sobor dos cabezales. O vello rise cada vez máis, amañando este cadro arrepiante.

Cando o vello remata o seu traballo, vírase cara o público e sácase a careta que leva posta, guindando con ela. Entón aparecerá demudado de Morte, véndoselle a caveira que tiña debaixo da careta de vello. Fuxe dispóis pola esquerda, por diante do telón negro que cerra o cadro desta escea.

Entra Pimpinela pola direita, toda cuberta de panos rameados, e cunha candea na man. Vai a deitarse.

PIMPINELA

Ao ver o cadro

¡¡¡Aaaai!!!

Baixa o pano para mudar o cadro

License

Escea V Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *