Fondo verde e chan verde. Lela e o carabineiro aparecen sentados nun arró, antre dez mulleres, tamén sentadas. Dispóis ven a Morte.
MULLER 1ª.
Dirixíndose a Lela
E logo, ¿cándo vos casades?
LELA
O domingo que ven botamos as primeiras monicións.
MULLER 1ª.
Abofé que dá xenio vervos tan namorados.
MULLER 2ª.
Non é vergonza quererse por ben e para casar.
O CARABINEIRO
Traballo me custóu dar con este contrabando.
Intenta apreixar a Lela contra de sí
LELA
Manciñas quedas, ¿eh?
MULLER 2ª.
Non te poñas tan brava, muller. Algo hai que dar por adiantado.
MULLER 3ª.
Boa fachenda ten ela co seu carabineiro. ¡Non o negues Leliña!
LELA
¡Valente cousa!
O CARABINEIRO
Non digas eso, prenda. Un home das miñas feituras con este traxe tan bonito e con esta cazola na cabeza non é unha cousa calisquera.
MULLER 3ª.
Sinalando a Lela
Esta sempre foi moi despreciativa.
MULLER 1ª.
Pois o que é mozos nunca lle faltaron.
LELA
O sí nunca llo din a ningún.
O CARABINEIRO
Eso compría sabelo.
MULLER 1ª.
Lela fixo tolear a moitos; pero en amoríos formales nunca se veu. Abofé que non.
MULLER 2ª.
Sempre tivo a cabeza no seu sitio.
MULLER 3ª.
E nunca dou que decir á xente.
LELA
Non está ben que o diga unha; pero endexamáis me faltaron mozos en quén escoller. E para que o seipades… puden casar cun home principal, acomodado e de carreira.
MULLER 1ª.
Xa sei quén é.
LELA
Non sabes, non.
MULLER 2ª.
Eu sí que o sei.
MULLER 3ª.
E máis eu.
LELA
Non vos matedes en adiviñar.
MULLER 1ª.
A min paréceme que é un home algo vello, que ten catro irmáns solteironas…
TODAS
¡O mesmo! ¡O mesmo!
LELA
¿Quén? ¿Don Saturio? ¡Meu probe! ¿Atreveríase el a falarme de casamento? ¡E iba eu consentirllo! ¡Un vello que xa non rexe coas pernas! ¡Valente comenencia me dabades! Non; é outro… outro más novo. E de por parte bó mozo; pero que non me entróu polos ollos, e velahí.
O CARABINEIRO
Boeno, amiguiñas. A conversa é moi divertida; pero eu teño que deixalas. A carabina chama por min.
LELA
Ímonos logo e deixemos a estas boas pezas a rexoubaren de nós ¡Teñen un alferrón!
MULLER 1ª.
De tí sempre dixemos o que merecías.
MULLER 2ª.
E do teu carabineiro non se diga.
O CARABINEIRO
Erguéndose
Boeno. Xa saben, ¿eh? Farruco Rodríguez para servilas.
LELA
Erguéndose e sacodíndose a saia
Deica outra vez, queridiñas.
MULLER 1ª.
Ide pola sombra…, e deica outra.
TODAS
Abur, abur, abur.
Lela e o seu galán márchanse emparellados pola direita
MULLER 1ª.
¡Qué ganas de casar teñen algunhas!
MULLER 2ª.
¡Onde foi poñer os ollos esa toliña… !
MULLER 3ª.
Máis lle valera quedarse solteira.
MULLER 1ª.
A Lela xa lle pasóu o sol pola porta e o carabineiro salvóuna.
MULLER 2ª.
Forasteiro tiña que ser, porque o que é os homes deiquí non pican en carne sobada. Teñen mellor paladar.
MULLER 3ª.
O conto é que se casa e que se libra de quedar como as irmáns de Don Saturio. Por certo: ¿quén sería ese home de carreira que se quixo casar con ela? ¿Sería Don Saturio?
MULLER 2ª.
Non muller, non. Esa é unha mentira para engaiolar ao carabinerio.
MULLER 1ª.
Non sei que vos diga. Lela iba moito pola botica e Don Saturio quedábase debruzado no mostrador, a comela cos ollos. Eu vinos moitas veces de palique.
MULLER 1ª.
Tolería de vello e precaucións de moza pasada… ¡quén sabe!
Entra pola esquerda o probe que representa á Morte e sigue camiño por diante das mulleres.
MULLER 1ª.
Ese probe é un agoiro. Sempre que o vexo morre algún veciño.
MULLER 2ª.
E máis tés razón, a víspera de morrer o meu sogro pasóu por diante da nosa casa.
MULLER 3ª.
Non é como os demáis probes. Non pide; colle o que lle dan e vaise. E ten cara de poucos amigos.
MULLER lª.
Chamando por el
— ¡Ei, homiño!
A MORTE
¿Quén me chama?
MULLER 1ª.
Somos nós. Veña acá e perdóenos… Disque vostede adiviña quén vai morrer…
A MORTE
Todos cantos viven están condenados a morte. Eso é todo canto vos pode decir. ¿Tendes algo máis que perguntarme?
MULLER 2ª.
Non lle pareza mal. É que cando aparece vostede sempre morre algún veciño.
MULLER 3ª.
E se a xente dá en decir que vostede é un agoiro poden apedrealo.
A MORTE
¡Qué lle imos facer! Os probes andamos polo mundo espostos a todo.
A Morte vaise pola direita e cai o pano para mudar o cadro.
Feedback/Errata