="http://www.w3.org/2000/svg" viewBox="0 0 512 512">

Escea VI

O fondo é un gran lenzo con moitas figuras pintadas. As caras das figuras son de verdade. Aparece Pimpinela vestida de loito e sentada. Enfocarase con moita luz a figura de Pimpinela, de xeito que o público non vexa o telón de fondo.

PIMPINELA

Retorcéndose as mans

¡Tantos panos rameados, tantas chambras de seda, tantas cintas do pelo como teño! ¡Tantas huchas de roupa fina que non puxen! ¡Tantos almarios de holanda en folla! ¡Todo gardado con chaves! ¡Todo! ¡Os anceios da miña mocedade dentro do peito! ¡O meu corazón agrilloado!

Pausa

Non abondóu con ser a súa muller! ¡Pasar noxos e fasquías á súa veira…! ¡Permitir que as súas mans tocasen a miña carne…! ¡Chorar por el cando se foi para sempre! ¡Non; aínda teño que ser a viuda dun vello!

Pausa

¡E así un ano cos ollos no chan, vestida de doorosa! ¡Enloitada por un home que nunca quixen! ¡Enloitada como os corvos do monte! ¡Como os corvos!

Pausa

¡Ai, quén me dera locir os meus panos bonitos! ¡Entrar nas romerías vestida de maio, coberta de frores! ¡Amostrar as miñas alas! ¡E ser solteira outra vez!

Pausa

¡Ai, quén me dera falar co mozo que levo no corazón!

Pausa longa

¡Miralo tan siquera!

Pimpinela saca do seo o pano que o mozo lle regalara e fálalle con voz chorosa.

¡Paniño cativo que tes catro puntas para magoarme! ¡Paniño branco que aínda non foches ao río! ¡Paniño que durmes sempre na lentura do meu seo! ¡Dille ao meu amor que teño soedades! ¡Dille que quero mirarme nos seus ollos! Dille que non baile nen cante, porque estóu de loito…

Rompe a chorar e tápase co pano

Nesto alcéndense as luces todas do esceario e rompen a cantar as figuras pintadas no telón de fondo, asomando caras de verdade polos ocos do lenzo:

CORO

Aquel amor que che tiña
era unha fror e murchóuse,
i agora, Pimpineliña
o meu amor acabóuse.

Tes chambras de raso, panos e refaixos,
tes medias de seda, tes zapatos baixos;
pero xa non tes o que tanto valía,
a mirada limpa que eu tanto quería.

Dispóis do que me fixeches
xa non che teño afición,
cantan outros paxariños
dentro do meu corazón.

Tes chambras de raso, panos e refaixos,
tes medias de seda, tes zapatos baixos;
pero xa non tes o que tanto valía,
a mirada limpa que eu tanto quería.

Cai o pano

License

Escea VI Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *