Escea VI

Unha parede branca no fondo. O boticario aparece morto e derrubado nun sofá. Entra o mendicante que representa a Morte.

A MORTE

Sacando a careta de mendicante e descubrindo a súa caveira

Xa estóu eiquí.

O BOTICARIO

Chegaches tarde.

A MORTE

Porque xa sabía que non me necesitabas.

O BOTICARIO

¡Hipócrita! ¡Calquera diría que non foches tí…!

A MORTE

Sentándose nun brazo do sofá, aos pés do boticario.

Eu dinche un bo consello e tí seguíchelo porque che conviña.

O BOTICARIO

Sería mellor que mo deras antes de namorarme de Lela.

A MORTE

Non te queixes. Aviseite a tempo.

O BOTICARIO

¡Mentira!

A MORTE

Díxenche que os vellos non deben de namorarse e tí non me fixeches caso .

O BOTICARIO

Xa era tarde.

A MORTE

Non sería tarde si tiveras caletre.

O BOTICARIO

¿Por qué non me avisaches a tempo cando non estaba namorado?

A MORTE

Eu non vou a onde non me chaman.

O BOTICARIO

¿Chaméi eu por tí?

A MORTE

Chamaches. Todos chaman por min cando se namoran e perden o xuicio.

O BOTICARIO

Sería mellor que aconsellaras ao carabineiro e non a mín.

A MORTE

Nin así te salvabas.

O BOTICARIO

Lela queríame.

A MORTE

Xa se ve que aínda non se che arrufióu o corpo. ¡Lela engañábate, parvo!

O BOTICARIO

Entón fixen ben en matarme.

A MORTE

Fixeches. E non te queixes, porque morreches sen door.

O BOTICARIO

Gracias á miña cencia de boticario

A MORTE

E ao meu consello.

O BOTICARIO

Custa moito deixar a vida, inda que se aborreza.

A MORTE

Máis che doería morreres dun cólico miserere, poño por caso.

O BOTICARIO

Custóume moito deixar a miñas irmáns.

A MORTE

¡Queríaslle máis a Lela…!

O BOTICARIO

¡Quería!

A MORTE

O pior é que Lela non cho agradece.

O BOTICARIO

Porque non sabe que me matéi por ela.

A MORTE

Aínda que o soupese.

O BOTICARIO

¿Pensas que é tan ruín?

A MORTE

Penso.

O BOTICARIO

¿Entón por qué me matéi?

A MORTE

Por namorarte de vello.

O BOTICARIO

Eu puden namorarme de mozo, pero…

A MORTE

¿Por qué non o fixeches?

O BOTICARIO

Por non abandoar a miñas irmáns.

A MORTE

E, secomasí, abandoáchelas.

O BOTICARIO

Xa son vellas e déixolles a botica.

A MORTE

Sen o boticario

O BOTICARIO

Logo estarán conmigo.

A MORTE

Deso coidareime eu. Descoida.

O BOTICARIO

Agradézocho.

A MORTE

A vida dos vellos pouco dura.

O BOTICARIO

E menos cando hai ganas de morrer.

A MORTE

E cando eu dou un consello.

O BOTICARIO

¡Valente favor!

A MORTE

¿Estás pesaroso do que fixeches?

O BOTICARIO

Eu non che podo responder. Pergúntallo á miña alma.

A MORTE

Eu non falo coas almas.

O BOTICARIO

A miña marchóuse cavilosa.

A MORTE

As almas sempre son cavilosas.

O BOTICARIO

A miña ben leda era.

A MORTE

Cando a tiñas dentro do corpo, antes de namorarte.

O BOTICARIO

Foi ela quen se namoróu.

A MORTE

¿Estás seguro?

O BOTICARIO

Xa empezo a enfriarme e perdo a memoria de certas cousas.

A MORTE

Axiña ficarás en paz.

O BOTICARIO

¡Que así sexa!

A MORTE

Erguéndose e póndose a careta de mendicante.

Déixote que teño moito que facer.

O BOTICARIO

Vaite logo.

A MORTE

Adéus Saturio.

O corpo do boticario desgónzase en canto a Morte lle chisca o ollo ao despedirse. Unha man do boticario bate nas táboas do piso ao caerlle un brazo fora do sofá.

A morte desaparece e cai o pano para mudar o cadro.

License

Escea VI Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *