="http://www.w3.org/2000/svg" viewBox="0 0 512 512">

Escea VII

Óllase unha parede con dúas fiestras pechadas, máis alá dun valado que impide ver a rúa que se supón máis baixa. Estamos no intre en que se celebra o enterro do boticario, e da rúa xurden marmurios de moita xente. Ábrense as fiestras e aparecen as catro irmáns do boticario, dúas en cada fiestra, a faceren o pranto.

IRMÁN 1ª.

¡Alá se vai o noso capitán! ¡O capitán do noso navío!

IRMÁN 2ª.

¡Alá se vai o noso letreiro! ¡A gala das nosas romerías!

IRMÁN 3ª.

¡Alá se vai o noso patriarca! ¡O santo das nosas devocións!

IRMÁN 4ª.

¡Alá se vai a nosa fachenda! ¡A meniña dos nosos ollos!

TODAS

¡Ai, Saturio! ¡Saturio! ¡Saturio!

Unha banda de música rompe a tocar unha marcha fúnebre e pasan os ciriales e a cruz parroquial sobrepasando o valado.

IRMÁN 1ª.

¡E levas música, porque morreches solteiro!

IRMÁN 2ª.

¡E levas música, como os anxeliños!

IRMÁN 3ª.

¡E levas música, por que xa estás no ceo!

IRMÁN 4ª.

¡E levas música, porque tamén tí eras músico!

TODAS

¡Ai, Saturio! ¡Saturio! ¡Saturio!

IRMÁN 1ª.

¡Morréu o estudante aventaxado!

IRMAN 2ª.

¡Morréu o bachiller con matrículas de honor!

IRMÁN 3ª.

¡Morréu o licenciado en Farmacia!

IRMÁN 4ª.

¡Morréu Don Saturio, a cencia dos boticarios!

TODAS

¡Ai, Saturio! ¡Saturio! ¡Saturio!

IRMÁN 1ª.

¿Quén che roubóu a fala?

IRMÁN 2ª.

¿Quén che paróu o corazón?

IRMÁN 3ª.

¿Quén che zugóu a vida?

IRMÁN 4ª.

¿Qué te matóu, irmanciña querido?

TODAS

¡Ai, Saturio! ¡ Saturio! ¡ Saturio!

IRMÁN 1ª.

¡E vaste sen dares unha queixa!

IMRÁN 2ª.

¡E vaste sen pedires médico!

IRMÁN 3ª.

¡E vaste sen dares aviso da túa morte!

IRMÁN 4ª.

¡E vaste sen despedirte de nós!

TODAS

¡Ai, Saturio! ¡Saturio! ¡Saturio!

IRMÁN 1ª.

¡Xa onte non falabas nin rías!

IRMÁN 2ª.

¡Xa onte levabas a terra nos ollos!

IRMÁN 3ª.

¡Xa onte non comeches de medo!

IRMÁN 4ª.

¡Xa onte non tocaches a guitarra!

TODAS

¡Ai, Saturio! ¡Saturio! ¡Saturio!

IRMÁN 1ª.

¡Dille á morte que nos veña buscar, compañeiro dos nosos días!

IRMÁN 2ª.

¡Dille á terra que nos veña comer, almiña de Deus!

IRMÁN 3ª.

¡Lévanos deste mundo, estreliña da nosa noite!

IRMÁN 4ª.

¡Vainos facendo catro sitios á veira do Noso Señor!

TODAS

¡Ai, Saturio! ¡Saturio! ¡Saturio!

IRMÁN 1ª.

¡Velahí vai a caixa dos nosos corazóns!

IRMÁN 2ª.

¡Velahí vai o noso amor verdadeiro!

IRMÁN 3ª.

¡Velahí vai a nosa vida!

IRMÁN 4ª.

¡Velahí vai a nosa morte!

TODAS

¡Ai, Saturio! ¡Saturio! ¡Saturio!

A música vaixe alonxando. As irmáns do boticario apenas teñen folgos para chorar enrouquecidas.

IRMÁN 1ª.

¡Adéus para sempre, quentura do noso inverno!

IRMÁN 2ª.

¡Adéus para sempre, puntal da nosa vellez!

IRMÁN 3ª.

¡Adéus para sempre, pan e viño da nosa mesa!

IRMÁN 4ª.

¡ Adéus para sempre, botica dos nosos pesares!

As catro irmáns do boticario fican esmorecidas no peitoril das fiestras, saloucando as derradeiras verbas da despedida.

TODAS

En desorden

¡ Adéus irmán! ¡Saturio! ¡Saturio! ¡Adéus para sempre! ¡ Irmanciño querido! ¡Adéus! ¡Adéus … !

A música xa está lonxe

Caio pano

 

License

Escea VII Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *