="http://www.w3.org/2000/svg" viewBox="0 0 512 512">

Prólogo

Miñas donas e meus señores:

Axiña ides ver unha farsa en tres lances, na que se demostra que os vellos non deben de namorarse; pero non pensedes que a miña obra é de tesis. Non é de tesis, non. Trátase apenas dunha síntesis artística, ou máis ben, artimaña escenográfica onde xogan o amor e a morte de tres vellos imprudentes: o boticario don Saturio, que non aturóu a falcatruada de Lela e mátase con solimán da súa propia botica; o fidalgo don Ramón, que por un bico de Micaela morre deitado no esterco; o vinculeiro señor Fuco, que por casar con Pimpinela mórrese de felicidade. Son tres faces diferentes dun mesmo drama, contado á maneira galega e para regalía dos que poidan comprender o noso linguaxe. Pero este coñecidísimo drama, que agora ides ver nunha farsa nova, é, asimismo, un aviso de tres estalos que lle damos aos vellos namoradeiros. Compre decir que as vellas non están no caso dos vellos, anque os amores serodios andan sempre aparellados coa morte, pois neste caso sóio perden a vida os mozos que se deixan chuchar por vellas indecentes. Non, o drama é de homes que se namoran a destempo, porque non souperon aproveitarse do amor cando eran mozos ou porque pretenden bulrarse da morte cando xa a levan ao lombo. Os homes deben buscar tesouros amorosos na mocedade, e gardalos ben gardadiños para cando chegue a vellez, si é que arelan o respeto do mundo e non gostan de vérense retratados nesta caste de comedias. Ninguén se bulra dun vello e dunha vella que siguen amándose tolamente. ¡E qué emoción dá ver a un vello vedreiro que chora por amor que perdéu cando era mozo! Os vellos deben gardar amores antigos, porque axúdanlles a vivir; pero cos amores novos, e a súa morte fai rir ás xentes.

Co dito abonda para que comencemos a farsa. E si ela fose do voso agrado o autor sentiríase ledo.

Prólogo Os vellos non deben de namorarse

License

Prólogo Copyright © by Afonso Daniel Rodríguez Castelao and Castelao, Afonso D.. All Rights Reserved.

Feedback/Errata

Deixe uma resposta

O seu endereço de email não será publicado. Campos obrigatórios marcados com *